subvencion

PROXECTO: NOVAS INSTALACIÓNS DA SOCIEDADE LUPEON, S.L.

Este proxecto de investimento en maquinaria e outros bens de equipamento para as novas instalacións da sociedade Lupeon, S.L. no Polígono Empresarial de Porto do Molle recibiu apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión Europea a través do programa de axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
A Fabricación Aditiva é un dos eixes prioritarios na estratexia europea para re-industrializar a zona EURO, definida como Industria 4.0. Aliñada coa RIS3 Galicia, o Consello da Xunta de Galicia aprobou na súa sesión do 13 de maio de 2015 a Axenda de Competitividade Industrial Galicia: Industria 4.0, que aspira a ser o instrumento para aumentar o peso da actividade industrial no conxunto da economía galega ata acadar un 20% do PIB. Esta Axenda propón accións de impulso á competitividade industrial, obxectivos estratéxicos e medidas para o tecido produtivo galego e constitúe o plan director da Industria de Galicia 2015-2020, definido no artigo 23 da Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia, coa visión de impulsar un novo tecido industrial en Galicia, moderno, intelixente e sustentable, competitivo no futuro escenario global.
Esta visión dunha nova industria galega propón que sexa capaz de observar o contorno para anticiparse aos cambios e evolucionar cara á fábrica intelixente, incorporando e desenvolvendo, entre outras, técnicas e equipos de fabricación aditiva e novos materiais, aplicando a intelixencia competitiva en todo o proceso e nos produtos. Polo que, o obxectivo do investimento aparece aliñado coa estratexia RIS3 Galicia, e para a actividade global da empresa supón incrementar a súa capacidade produtiva para dar resposta á demanda crecente dos seus clientes e incorporar novas tecnoloxías de fabricación aditiva orientadas á produción de pezas funcionais para a industria.
O proxecto persigue tanto a ampliación da capacidade como a diversificación da produción. Coa adquisición dos equipos e novas instalacións produtivas, LUPEON poderá focalizarse na produción de pezas definitivas e funcionais para a industria aeronáutica, automoción, saúde,… Deste xeito pasará de fabricar prototipos e maquetas a fabricar pezas definitivas que re-empracen a pezas que na actualidade se fabrican por métodos tradicionais coma o mecanizado ou a fundición.
A fabricación aditiva é un proceso de unión de materiais que permite realizar obxectos a partir de modelos 3D mediante a sucesiva deposición de capas de material, a diferencia das metodoloxías de fabricación tradicionais o sustrativas. A fabricación aditiva pode estar baseada en distintas tecnoloxías: extrusión [FDM: Fused Deposition Modeling], sinterizado mediante laser [SLS: Selective Laser Sintering], fotopolimerización [SLA: Stereolithography],… Estas tecnoloxías non son novas, pero ata o momento empregábanse só enfocadas no sector do Prototipado Rápido. O vencemento das patentes destas tecnoloxías é o que está levando á sua democratización e expansión.